Pisando Ovos finaliza o seu programa de reactivación de Directo 9 en Narón con varias actividades polo Día Internacional da Danza
Pisando Ovos en colaboración co Padroado da Cultura de Narón recibiu o pasado ano unha axuda ao impulso do sector escénico por AGADIC para a reactivación das súas producións a consecuencia da crise da Covid-19. A primeira fase realizouse o pasado outubro e novembro do 2020 cos ensaios da súa última produción, Directo 9 e obradoiros de movemento.
A segunda fase do proxecto terá lugar os días 27, 28 e 29 de abril, semana adicada á celebración do Día Internacional da Danza 2021. Durante estos días volven retomar a última peza Directo 9 coas seguintes actividades:
-Ensaios do proceso creativo de Directo 9 de Pisando Ovos no Pazo da Cultura de Narón os días 27, 28 e 29 de abril.
-Obradoiros de movemento sobre a peza na Escola de Teatro de Narón o día 28 de abril de 19h a 22h..
O obradoiro de movemento sobre o proceso de DIRECTO 9 quere ofrecer unha experiencia inmersiva colectiva sobre a propia peza, que leva ós corpos a través do rebote ó encontro cos límites físicos e ó desgaste, para dar paso a un contacto íntimo e persoal do noso propio corpo.
Unha sesión guiada por Rut Balbis, directora da compañía, a través de temas musicais electrónicos que nos conduciran por unha viaxe física dunha hora ininterrompida onde pasar por diferentes estados e lugares.
-Programación especial DID o día 29 de abril na Praza de Galicia* de Narón ás 18:30h. Acceso gratuito
(*Se chove trasládase a actividade ao Auditorio Municipal de Narón):
· META de CRISTINA MONTERO
Regresar, tocar, percibir, e ……. Improvisación performativa.
O espazo sitúame e me conecta coas sensacións. Percibo, e deixo que habiten o meu corpo.
Creación e interpretación: Cristina Montero
Duración: 10 minutos
· SET de PAULA QUINTAS · TRASPEDIANTE
SET é unha peza multidisciplinar onde a danza contemporánea e a música en directo xogan un espazo compartido. Novos comportamentos e cinética social onde a protección é invisible como mediador da distancia social. A través da tecnoloxía e os límites sociais SET propón un xogo interactivo sen contacto. Playing experience! #Playingexperience #Playinglimits.
Dirección: Rut Balbís
Creación: Rut Balbís e Paula Quintas
Intérpretes: Paula Quintas e Nacho Muñoz
Música orixinal: Nacho Muñoz
Vestiario: Fany Bello
Duración: 20 minutos
· LE BRUIT de MASA MADRE
Oes ese ruído?
ruído circular
que fomos e seremos
unha e outra vez
Movemento: Cristina Romero Cortazar
Voz: Paula Pintos
Duración: 10 minutos
· DIRECTO 9 de PISANDO OVOS
É a nova proposta de Pisando Ovos dirixida cara as novas linguaxes escénicas, en clave de creación contemporánea, na que se amosa o concerto como forma de reunión da sociedade actual, e que convida a todas as asistentes a vibrar conxuntamente.
A creación da compañía regresa a un dos puntos máis importantes do seu traballo: a entrega total dos corpos desde as accións e movementos cotiás, nesta ocasión desde o rebote e o salto. Esta investigación coreográfica xira arredor da crudeza dos estados físicos extremos que transitan cara unha composición poética por medio dos restos de movemento e as esencias persoais que aparecen nos bailaríns.
O diálogo artista/masas, DJ/corpos, música/movemento, intégrase nun ambiente nocturno ou de concerto por medio da proposta lumínica e a forte aposta pola música en directo.
Para a creadora a estrea deste espectáculo forma parte da triloxía composta por Que volvan as flores (2014), Give it a spin (2015) e Directo 9 (2018), xirando arredor da música electrónica e o desgaste físico dos corpos en directo.
Os corpos que asisten ao concerto DIRECTO 9 viven unha experiencia grupal en directo. Como si dos corpos dunhas atletas se tratara, levan os corpos ó encontro cos límites físicos, co desgaste e o cansanzo extremo.
A reunión é guiada pola música do DJ que encamiña ás masas nun proceso ritual cara á mimese dun salto común, cara o descontrol e a entrega total.
Unha vez superado o clímax do concerto, o íntimo e persoal contacta cos corpos baleiros, facéndoos máis fráxiles, máis transparentes.
Na dureza da paisaxe que se deixa ver xermola a beleza da humanidade.
Creación e dirección: Rut Balbís
Axuda en dirección: Janet Novas
Creación e intepretación: Fran Martínez, Jas Processor, Raúl Pulido e Paula Quintas
Deseño de iluminación: Afonso Castro
Deseño espazo sonoro e deseño gráfico: Jas Processor
Duración: 40 minutos
Actividades realizadas no 2020
·Residencia de reactivación do espectáculo Directo 9 de Pisando Ovos.
·Obradoiros de movemento con Raúl Pulido na Escola Municipal de Teatro de Narón.